venres, 7 de marzo de 2014

A Ponte Vella do Río Sieira


"Eco de noite antiga este silencio
onde emerxe a memoria doutras horas.
Estadea de fados, mapa
do alento da sombra nas cousas.
Xeografías dos entusiasmos
e derrotas,
río de esquecemento,
val de bágoas canoras,
campo de aparecidos,
ponte das amargosas"
Gonzalo Navaza, Cartografía básica

Esta pasada semana, namentres procuraba os petróglifos do Monte da Gurita, aló pola parroquia de Baroña, no concello coruñés de Porto do Son, tiven a sorte ou a desgraza de perderme unhas cantas veces polos moitos vieiros que, coma reigames que baixan polas faldras da Serra do Barbanza, nos encamiñan até lugares únicos e fascinantes que semellan esquecidos no tempo e na memoria. Desta volta tiven a sorte de perderme, neste mesmo Concello de Porto do Son, por un vieiro preto da costa namentres ía da parroquia de Xuño cara a de Caamaño. Denantes de abandonar a parroquia de Santa María de Xuño, achei un panel informativo que semellaba sinalizar o comezo dun sendeiro que conducía até a Ponte Vella, un vieiro de orixe medieval que atravesa o curso do Río Sieira. Púxenme a camiñar, sen pensalo dúas veces, por unha fascinante corredoira para achegarme até aquela ponte medieval. 


Segundo o que puidera ollar no panel, a ponte estaría moi preto do inicio do sendeiro, a uns 400 metros seguindo o antigo Camiño Real que unía, antano, as anteriormente citadas parroquias de Xuño e Caamaño. Ó pouco de comezar a camiñar por aquel fermoso vieiro, puiden albiscar ó lonxe a pétrea silueta dunha antiga e inquebrantable ponte que semellaba resistir igual de ben o paso dos séculos como o peso dos milleiros de camiñantes que a deberon percorrer. Ante min ficaba xa a Ponte Vella, arrodeada polas árbores e sobre do leito do Río Sieira. Ao seu redor puiden ollar unha fascinante fraga composta por salgueiros, ameneiros, abeleiras, algunha que outra sobreira e algún que outro eucalipto, así como unha numerosa variedade de fieitos.  O Río Sieira nace preto de Calvelle, na parroquia de San Pedro de Ribasieira, a uns 400 metros sobre do nivel do mar. Á altura da Madanela, nesta mesma parroquia de Ribasieira, pasa a conformar unha monumental fervenza duns 20 metros de altitude. 


Dende o seu nacemento até a súa desembocadura, en Boca do Río, na Praia do Río Sieira, este río atravesa 11 quilómetros polas terras de Porto do Son. Contan que no curto traxecto deste río é común avistar algunha que outra lontra, unha boa mostra do limpas e puras que deben ser as súas augas. Fiquei ante a Ponte Vella, de orixe medieval, ollando detidamente cada unha das pezas graníticas que a conforman. Canta arte, canta precisión, canta mestría, garda cada unha destas pedras. Resulta incrible meditar na estrita morfoloxía e posición que gardan estas pezas entre si, capaces de resistiren xuntas, inquebrantables, o peso dos anos, o paso das xentes, a forza das correntes e das crecidas. Non podemos saber con certeza cómo sería o estado orixinal desta ponte, nos nosos días, a parte superior preséntase intricada, difícil de atravesar. As lousas que conforman esta parte superior, o vieiro polo que atravesar o río, son as mesmas que conforman o arco, mais dende a parte superior móstranse rudas, bastas e sen traballar. 


Dispúxenme a atravesala ponte e debo recoñecer que non foi unha tarefa nada doada. As rochas presentan a súa cara máis orixinal, chea de sucos e fendas, cheas de musgo e humidade. Descender resulta aínda máis complexo e perigoso. As augas do Sieira semellan translúcidas e limpas; cristalinas. Logo de coñecer un pouco máis de preto esta fascinante e histórica ponte, así como esta fraga conformada polo Río Sieira, decidín deixar estoutro recuncho natural, estoutra xoia histórica do Barbanza, prometéndome a min mesmo que non había ser esta ocasión a derradeira, que volvería a atravesar o curso do Río Sieira, e camiñar até perderme polos moitos vieiros que, coma reigames que baixan polas faldras da Serra do Barbanza, nos encamiñan até lugares únicos e fascinantes que semellan esquecidos no tempo e na memoria.

Ningún comentario: