domingo, 8 de abril de 2018

Romaxe á Ermida da Nosa Señora do Faro


“Foi eu, madr', en romaría
a Faro con meu amigo
e venho del namorada
por quanto falou comigo,
      ca mi jurou que morría
      por mí, tal ben mi quería!

Leda venho da ermida
e desta vez leda serei,
ca falei con meu amigo,
que sempre muito desejei,
      ca mi jurou que morría
      por mí, tal ben mi quería!

Du m'eu vi con meu amigo
vin leda, se Deus mi perdón,
ca nunca lhi cuid'a mentir,
por quanto m'el diss'entón,
     ca mi jurou que morría
     por mí, tal ben mi quería”
Xohán de Requeixo, Cantigas de amigo

Hai un lugar, un sacro i elevado monte, dende o que é posible albiscar no horizonte as catro provincias galegas. Hai unha cima, unha vértebra calcaria entre as costelas louseiras e graníticas do noso espiñazo xeodésico, na que é posible escoitar as máis ledas i eternas cantigas de romarías e amigos namoradeiros. Hai unha ermida, un santuario sobre das nebras matutinas, onde se reflicten as vívidas luces dos albores e o ensanguentado fulgor crepuscular de cada día. Hai un estratéxico faro de terra, un facho de neves, breixos e mámoas, de insomnes torreiros cabalares que vixían dende as altas brañas, a epiderme húmida e verdescente da Galiza; os puntos cardinais da nosa xeografía. 


No alto do xélido e impoñente Monte do Faro, o estratéxico aranguelo e o eixo raiano sobre do que se estenden as acedas e vizosas terras deste noso país, dende as luzadas da nosa historia, os azos da fe e as chagas da piedade trazarían camiños de adoración, entrega e misericordia cara a ermida da Nosa Señora do Faro. Boa proba destas históricas romarías son as amigábeis cantigas que a remates do século XIII comporía o trobador Xohán de Requeixo. A ermida que hoxe en día segue mantendo con vida estas romaxes foi erixida no século XVIII, despois de que o bispo Felipe Peláez ordenase derrubar o templo anterior, erixido no ano 1632. Cada ano, a finais do estío, celébranse as populares e sobranceiras romarías en honor á Virxe do Faro.


Dende este facho sacro e montañoso, dende esta fronteira natural que se erixe a escasos 1.200 metros de altitude entre o concello pontevedrés de Rodeiro e o lugués de Chantada, poden divisarse as catro provincias galegas. Dende este inexpugnábel faro, compás de telúricas e magnéticas pegadas, mercurio de estíos e invernías, catavento de vendavais e de nortadas, os astros alumean os catro puntos cardinais da nosa terra co resplandor da neve do inverno e as cálidas raiolas do verán. Este faro é tamén a luz e a fonte, a esperanza e a fe, dos máis devotos e temerosos romeiros. Semella tamén un escenario perfecto para dar renda solta ós sentimentos e deixarse namorar.


Coido que algún día volverei, para ser trobador en romaría, torreiro cabalar á noite, raiola de verán ó día, e procurar nos brañas desta elevada ermida aquel amor “que sempre muito desejei”.

Ningún comentario: